Instrucións

En que consiste o programa de compromiso lingüístico?

O obxectivo central deste programa é animar o alumnado e as súas familias, o profesorado e o persoal non docente, o monitorado e, en resumo, toda a comunidade educativa dos concellos participantes a «activar o modo galego». Trátase de empregar durante un mes a lingua galega o máximo posible e en todos os contextos.

Para iso, en cada aula asínase un Acordo de compromiso lingüístico, no que as titoras e os titores negocian co seu alumnado o nivel de uso do galego ao que se comprometen e a recompensa por cumpriren este desafío. A partir de entón farase público nesta páxina web un pequeno reto diario, do 11 ao 29 de xaneiro, que o alumnado terá que cumprir nas seguintes 24 horas ou na fin de semana, no caso dos venres. Ao día seguinte, unha vez cumprido o reto, o profesorado repartirá un adhesivo entre a rapazada das súas aulas, que pegarán no lugar correspondente do soporte que se facilita o primeiro día. Ao rematar os 15 retos das tres primeiras semanas do compromiso, completarán unha pequena colección de seres da mitoloxía galega.

Para rematar, as aulas participantes realizan tamén unha pequena reflexión diaria sobre o nivel de activación lingüística acadado por cada neno e nena, a través da aplicación Activador MGA!, dispoñible tamén neste mesmo sitio web.

A última semana do mes dedícase á preparación dunha pequena celebración final e á recuperación dos retos que non puidesen ser realizados con anterioridade.

Como se vai desenvolver? Instrucións para participar

O programa artéllase mediante esta páxina web, que se actualiza diariamente mentres dura o desafío. Están convidadas a sumarse á iniciativa todas as aulas da educación infantil e primaria dos concellos participantes. Animamos as aulas que queiran participar a rexistrarse nesta páxina web —na sección «ACCEDE»— co correo do titor ou titora.

Este rexistro é voluntario e non é imprescindible para seguir a programación xeral, pero si para ter acceso a todo o contido e ao Activador MGA!

Nas aulas que desexen participar:

  • As persoas responsables comprométense a empregar o galego o máximo posible, nas comunicacións co alumnado e co resto do persoal do centro.
  • O primeiro día negociarase e asinarase o Acordo de compromiso lingüístico. O alumnado decide o nivel de activación ao que se compromete e o titor ou titora establece unha recompensa por logralo.
  • Este premio pode ser calquera que o titor ou titora considere adecuado e estimulante —ver unha película na clase, deixar saír cinco minutos antes ao recreo unha semana, facer unha pequena excursión…— e debe ser negociado en función do nivel de compromiso que decida asinar o alumnado.
    Este día repártese tamén entre o alumnado o soporte Lingua máxica no que se pegan os adhesivos coleccionables que premian os pequenos retos diarios.
  • De aquí en diante a dinámica consiste en:
    1. Facer unha visita diaria a este sitio web para ver o vídeo do día e coñecer o reto. Lembramos que hai liberdade absoluta para adaptar ou modificar os retos para axustalos ás características do alumnado ou ás necesidades do currículo.
    2. Darlles aos alumnos e alumnas o tempo necesario para comentar como lles foi co reto do día, facilitar que o cumpran, valorar se o cumpriron ou non e repartirlles o adhesivo correspondente.
    3. Entrar diariamente na aplicación Activador MGA! e reflexionar sobre canto se activou o modo galego. Accédese a ela dende a sección privada das aulas nesta web e as instrucións da dinámica pódense atopar na propia aplicación.
    4. De maneira opcional, na sección reservada ás aulas pódense compartir os resultados das vosas actividades ou calquera outro recurso que desexedes co resto das aulas participantes. Tamén se poden completar os retos que, por diferentes causas, puidesen quedar sen facer.
Na semana do 1 ao 5 de febreiro, imos preparar unha baila colectiva final mediante as instrucións publicadas na páxina web. Tamén se poden completar os retos que, por diferentes causas, quedaran sen facer.