Benqueridas familias:
En Galicia, como ben sabedes, temos dúas linguas oficiais. Unha delas, o galego, é a lingua propia do país, a lingua que nos identifica como galegas e galegos, a lingua transmisora e creadora dunha cultura única no mundo, que nos sitúa no espazo e que nos abre múltiples portas para o futuro co orgullo, sempre, de ser quen somos.
Todas as nenas e os nenos teñen dereito a ter plena competencia nas dúas linguas e a faceren propia a lingua do territorio que habitan. Por razóns complexas para debullar aquí, os datos sociolingüísticos indican ben ás claras que isto non está a ser así. A xente máis nova necesita, con urxencia, axuda para activar o uso do noso idioma en todos os contextos. É preciso que a lingua galega ande polos parques, polos patios, polas redes, pola música, polos contidos audiovisuais, polos xogos, polo deporte…
Con este obxectivo naceu o MODO GALEGO, ACTÍVAO!, un programa de compromiso lingüístico deseñado e implementado pola Real Academia Galega e o Concello de Ames no que a xente máis nova é a protagonista, e as familias, o profesorado e o monitorado son axentes indispensables.
O programa desenvolverase entre o 20 de xaneiro e o 14 de febreiro de 2025 e poderedes seguilo día a día a través do enderezo web https://modogalegoames.gal/
Sen máis, coa certeza de que todas e todos queremos o mellor para o futuro das nosas fillas e fillos e co pleno convencemento de que as linguas sempre suman, animámosvos, na medida das vosas posibilidades, a seguirdes o programa e a activardes o MODO GALEGO, hoxe e sempre.
Un saúdo ben agarimoso,
En Ames, o 16 de xaneiro de 2025
- Blas García PiñeiroAlcalde de Ames
- Victor F. FreixanesPresidente da Real Academia Galega